sábado, 4 de outubro de 2025

Benvida / Concursos de Samaín

Antes de nada, moi bo inicio de curso a todas e todos!!! Espero que tivésedes un bo verán, aínda que só fose por descansar un pouco de nós e dos deberes...

Agora que xa pasou case un mes dende o comezo das aulas e xa estamos asentados/as, toca traballar arreo ata finais de decembro.  

Dende o Equipo de Dinamización Lingüística xunto coa colaboración do Departamento de Actividades Complementarias e Extraescolares, empezamos xa no mes de outubro, un ano máis, coa vontade de realizar diferentes actividades que impliquen a todo o centro educativo. Iso si, sempre poñendo o foco en promover o galego como lingua vehicular e na súa normalización entre toda a comunidade.
 

Evento: Samaín | Cultura de Galicia

 
As primeiras actividades xirarán ao redor da celebración do Samaín, festividade de orixe celta que ten lugar o último día de outubro... Se cadra, a algunhas persoas xa vos son coñecidas, pero quixemos repetir este curso:
 
-En primeiro lugar, redactaremos un pequeno CONTO ou LENDA TERRORÍFICA co gallo desta festividade. Aqueles textos que presenten unha boa estrutura e corrección lingüística, unha boa presentación, orixinalidade, unha atmosfera de medo... serán os gañadores do Concurso de Contos e Lendas Terroríficas do curso 2025-2026. Poderemos ler algúns deles e compartir o noso talento co resto da comunidade educativa o día 30 de outubro!!! 
[O límite de entrega do texto será o luns 20 de outubro. O alumnado da ESO terá unha aula para preparar a redacción ou tamén pode vir feita da casa]
 
 
-Do mesmo xeito que os nosos devanceiros, deseñaremos a nosa propia CABAZA para poñer a proba a creatividade. Este ano será de temática libre, así que podedes deixar voar a imaxinación. Esperamos a participación tanto do alumnado de infantil e primaria como da ESO para decorar as estancias do noso cole e, así, espantar os defuntos (e, tamén, a algúns vivos...). Escolleremos as tres mellores de cada etapa educativa e, para tomar esta decisión, teremos en conta a orixinalidade, a execución (o deseño) e a decoración adicional (cores, outros elementos...). Desta forma, elixiremos as cabazas gañadoras do Concurso de Cabazas de Samaín do curso 2025-2026. Como se trata dun froito, os calacús apodrecen moi moi rápido, polo que aconsellamos que se deseñen e decoren os días 29 e 30 nos recreos, nas titorías... Ou que veñan preparados da casa o mesmo día 30!!
 
 
Como xa mencionamos, estas dúas actividades culminarán en cadanseu concurso, que se resolverá o día 30 de outubro. Lembrade que podemos vir vestidas e vestidos de Samaín, mais as aulas impartiranse con normalidade.
 
LUMEEEEEEEEE!!!! 
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario