luns, 3 de novembro de 2025

Festa do farol

 

Festa do Farol ou de San Martiño

A orixe

Esta festa ten a súa procedencia en países como Alemaña ou Suíza, onde a vivencia do paso do tempo, os cambios de estación e as festividades coma esta están moi presentes.

Celébrase o día 11 de novembro e o seu simbolismo é fermosísimo.

En novembro o outono xa está asentado, os días van sendo cada vez máis curtos, polo que hai un proceso de interiorización e de busca da luz interior importante, que nos acompañará ata que os días volvan medrar.

Esta festa apela a esa busca da luz interior cando a exterior é escasa ou está ausente. O neno, a través do faroliño, represéntaa simbolizando esa luz que nos guía a través da escuridade.

Nas escolas Waldorf, a comezos de novembro comezan a preparar o ambiente para esta celebración. Elaboran os seus propios faroliños e, a través de contos e cancións, vanse preparando para o día.

Existe un conto moi bonito que mesmo se pode representar cun teatro de mesa, que ten a particularidade de empregar figuras que representan cada personaxe e, sobre todo, de captar totalmente a atención dos oíntes. (Tamén me ofrezo para contalo aos pequenos de infantil e do primeiro ciclo de primaria cun conto de mesa).

 


 

Déixovos a continuación o conto:


«Había unha vez unha nena que levaba o seu farol brillante e cantaba toda contenta:

—Eu vou co meu farol, e o meu faroliño vai comigo; arriba brillan as estrelas e abaixo brillamos nós.

Entón chegou o vento asubiando e a luceciña apagando.

—¡Oh! —exclamou a nena—. Quen acenderá o meu farol?

Pero, por moito que buscou, ninguén apareceu.

Que é iso que tanto gruñe? É o amigo oso!

—Querido amigo oso, o vento apagoume o farol. Non sabes de alguén que mo poida acender?

—Non che podo contestar, tes outros a quen preguntar. Teño que ir descansar —dixo o oso.

Que é o que esvara pola herba? É un raposo listo e astuto!

—Poderías axudarme a acender o meu faroliño? —preguntou a nena.

O raposo respondeu:

—De aquí tes que marchar, á túa casa tes que chegar. Debo esvarar e observar, axiña un rato quero cazar.

A nena sentou nunha pedra e, chorando, dixo:

—Ninguén me quere axudar? As estrelas escoitárona e, dende o ceo, dixéronlle:

—Ao Sol debes preguntar. El pode contestarche.

Ao amencer, chegou á casiña dunha fiandeira. A nena abriu a porta e preguntou:

—Sabes o camiño ao Sol?

—Teño que traballar —dixo a fiandeira—. Fíos finos teño que fiar. Non che podo explicar nin tampouco acompañar.

E moi triste, a nena camiñou e camiñou baixo o Sol.

Ao mediodía chegou á casa dun zapateiro.

—Bos días, querido zapateiro. Coñeces o camiño que leva ao Sol?

E o zapateiro respondeu:

—Moitos zapatos hai que arranxar. Non hai tempo para repousar. Non che podo explicar nin tampouco acompañar.

E moi triste, a nena camiñou e camiñou baixo o Sol.

Ao serán, chegou a un monte moi alto. Viviría o Sol alá arriba? Pero tampouco o atopou. E, cansa de tanto andar, pechou os ollos e quedou durmida.

O Sol levaba tempo vendo a nena e, mentres ela durmía, inclinouse e acendeulle o farol.

Entón, a nena espertou e exclamou:

—Oh! O meu farol volve brillar!

E, erguéndose, púxose alegremente en camiño. Camiñando e alumando, chegou á casa do zapateiro. O zapateiro estaba triste no seu obradoiro.

—Apagouse o lume, teño as mans ríxidas de frío e non podo arranxar zapatos —díxolle.

—Eu hei acenderche de novo a luz —dixo a faroleira.

O zapateiro quentou as mans e seguiu martelando e cosendo. Camiñando e alumando, chegou á casa da fiandeira.

—Apagouse a miña luz —dixo a velliña—. Xa non podo seguir fiando.

—Eu hei acenderche de novo a luz —dixo a nena ledamente.

O cuarto iluminouse e a fiandeira seguiu fiando finos fíos. Camiñando e alumando, chegou a nena de volta ao bosque. Todos os animais espertaron polo resplandor. O raposiño fociñou e mirou a luz con moita curiosidade. O oso gruñiu e acurrucouse na súa cova de inverno.

A nena volveu alegremente para a casa cantando:

—Eu vou co meu farol, e o meu faroliño vai comigo; arriba brillan as estrelas e abaixo brillamos nós…».


Diferentes xeitos de facer os farois:


https://ceradecolores.com/blog/2017/11/06/diy-farolillo-fiesta-san-martin/


https://demicasaalmundo.com/diy-farolillos-de-papel-para-san-martin/


Outra opción que me gusta moito pola súa sinxeleza e pola súa facilidade de atopar os materiais sería empregando botellas de plástico de auga ou refrescos, cortándoos a unha certa altura e pegándolle papeis diferentes con cola branca.



Facémoslle dous buracos na parte de arriba, un enfronte do outro e colocámoslle unha la ou unha corda e xa estaría lista.


Podemos coller ramiñas cos nenos e nenas para poder levar o faloriño.

Poríamos unha candea dentro, que pode ser de verdade ou led para evitar posibles accidentes. 

 

 

Tamén se podería facer con botes de cristal.

 

 
Todas estas imaxes pertencen a Ariane Goés (Cera de colores)
 

Algunhas versións das cancións:


https://www.youtube.com/watch?v=gCF9aBwCTK8


Aínda que a letra que eu canto é, en castelán:


Yo voy con mi farolillo,

y mi farolillo conmigo,

arriba brillan las estrellas,

abajo yo y mis amigos.

Y si hace frío,

me pongo el abrigo

y sigo paseando el farol.

Y si hace frío,

me pongo el abrigo,

y sigo paseando el farol.”


https://www.youtube.com/watch?v=-Lw-_D40XAg&list=PLe7d6LPJjOxbXMxWyi6PrpUXfgIEJ15VX


Farol, farol,

estrella, luna y sol,

se apagó la luz,

se apagó la luz,

menos la de mi farol.”


Con todo isto, espero que espertase a vosa curiosidade e tamén o ánimo para facelo.


Calquera cousa que necesitedes ou dúbida que teñades podedes escribirme ao meu correo: ariane.goes@edu.xunta.gal


Mil grazas!

Ningún comentario:

Publicar un comentario