Visita ao Centro de Día de Mondariz
O venres 30 de novembro, a rapazada de 2º da ESO A e B do CPI de Mondariz viviu unha experiencia única, que os trasladou ao pasado e, ao mesmo tempo, púxoos en contacto coa tradición relacionada co medo que simboliza a festividade do Samaín e a celebración do Día de Todos os Santos.
Esta viaxe retrospectiva e máxica foi posible grazas ao bo facer das traballadoras do Centro de Día de Mondariz. Recibiron ao alumnado para asistir a un velorio da Galiza do tempo das nosas avoas e bisavoas. Nel, o alumnado puido experimentar o ambiente que se respiraba nas casas, recrear escenas propias dese tempo e chegar ao cuarto xusto do velorio para, por último, rodearse de maiores con ganas de falar da Santa Compaña, do Tardo, das almas que nos veñen dar avisos, que nos fan non esquecelas.
Unha vez ao lado das avoas e avós de Mondariz, contáronse lendas, tamén a rapazada que levaba unha pequena recollida de narración oral popular. Así, Iván (2ºA), Diego (2ºB) e Naír (2ºB) compartiron as experiencias do Máis Alá dos maiores da súa contorna. E tamén Matheus (2ºB) relatou unha lenda da cultura brasileira.
Foi un pracer e, dende aquí, agradecer a colaboración estreita e coordinada co Centro de Día de Mondariz.
Marabilla de visita! Aquí tedes a mostra!
Ningún comentario:
Publicar un comentario